MANU FARIÑA URXE AO GOBERNO LOCAL PARA COMEZAR A TRABALLAR CANTO ANTES NA SAÍDA DA CRISE

O BNG insta a reformular o orzamento municipal de Caldas para reactivar a economía

O BNG insta a reformular o orzamento municipal de Caldas para reactivar a economía

“Agora o obxectivo é parar a pandemia e salvar vidas, pero en cando saiamos desta crise teremos que centrarnos na reactivación económica. Ese momento non pode collernos outra vez sen preparación” manifestou Manuel Fariña.

Estamos a vivir unha situación absolutamente extraordinaria, unha crise sanitaria, social e económica sen precedentes e na cal as administracións públicas deben facer os esforzos que sexan necesarios para non deixar a ninguén atrás.

Neste sentido, dende o BNG entendemos que o Concello de Caldas de Reis debe comezar a traballar nunha reorientación dos orzamentos municipais que, co obxectivo claro de reiniciar a economía local, permitan incrementar as partidas destinadas á mellora dos servizos públicos, a dinamización do comercio local e o reforzo das partidas de servizos sociais.

Así pois, dende o BNG estamos á completa disposición do goberno local para comezar a negociar inmediatamente esta modificación dos orzamentos municipais, pois deste xeito poderemos ser moito máis áxiles na adopción de medidas eficaces para a reactivación do tecido económico local.

Por outra banda, o BNG comezou xa unha rolda de contactos cos principais axentes sociais do concello (empresarios, comerciantes, hostaleiros,...) para escoitar as súas demandas e recoller as súas aportacións de cara ao futuro que debe encetar a administración local.

“Faremos todo o que estea na nosa man para que saiamos todos e todas desta crise, sen deixar a ninguén atrás. Reforzando os servizos sociais e potenciando a promoción social e económica da vila” manifestou o portavoz municipal, Manuel Fariña, que continuou dicindo que “a posta en valor do rural caldense debe ser prioritaria, incrementando e mellorando os seus servizos públicos”.

O BNG insta a reformular o orzamento municipal de Caldas para reactivar a economía