O BNG esíxelle a Fomento a urxente urbanización da N-640

27-02-19-Manu Fariña-Web 45
Manuel Fariña
O BNG esíxelle ao ministerio de Fomento a urxente urbanización do treito da N-640 entre o centro de Caldas e o polígono industrial de Bemil, de xeito que sirva para mellorar a seguridade viaria e dotar de saneamento a boa parte da parroquia de Bemil
O BNG esíxelle a Fomento a urxente urbanización da N-640

O BNG urxe ao ministerio de Fomento a que acometa a urbanización da N-640 co fin de mellorar a seguridade viaria para peóns, ciclistas e automobilistas, coa construción de beirarrúas e carril bici, así como tamén coa dotación de todos os servizos entre o casco urbano de Caldas e o Polígono Industrial de Bemil.

Este treito rexistra habitualmente unha altísima densidade de tráfico, que circula en moitos casos a velocidades excesivas, o cal provoca que sexa especialmente perigoso para os peóns e ciclistas que circulan por esta vía. Especialmente grave é se temos en conta que rexistra unha especial densidade de tráfico pesado, que se dirixe tanto ao porto de Vilagarcía como aos polígonos industriais de Bemil, O Pousadoiro e Baión.

Hai que destacar que no entorno desta vía se atopan servizos como o Campo de Fútbol Municipal, un tanatorio e varios negocios de hostelería, así como tamén numerosas empresas, polo que son moitos veciños e veciñas, así como tamén peregrinos, que se ven obrigados a camiñar por esta vía, nunhas condicións de extrema violencia que poñen en grave perigo a súa propia integridade física.

Asemade, esta urbanización serviría para dotar dun servizo básico como é o saneamento non só ás vivendas das Veigas de Almorzar, senón que permitiría a conexión á rede de saneamento municipal de gran parte da parroquia de Bemil, o que redundaría nunha importantísima mellora medioambiental.

“A urbanización deste treito da N-640 servirá para rematar coa extrema violencia viaria que nel se produce, así como tamén unha importantísima mellora medioambiental coa dotación de servizos públicos fundamentais como é o saneamento para moitas veciñas e veciños” destacou Manuel Fariña.

O BNG esíxelle a Fomento a urxente urbanización da N-640