O BNG esixe a mellora da cobertura de emerxencias nos "concellos de sombra"

Portavoces do BNG nos concellos de A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña e Ponte Caldelas
Portavoces do BNG nos concellos de A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña e Ponte Caldelas
Após a denuncia realizada polo BNG de A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña e Ponte Caldelas, Luís Bará leva ao Parlamento a adopción de medidas para garantir unha cobertura axeitada ás emerxencias nos denominados "concellos de sombra" que non pase dos 20 minutos. Na actualidade o tempo de resposta nestes concellos oscila entre os 40 e os 60 minutos
O BNG esixe a mellora da cobertura de emerxencias nos "concellos de sombra"

O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias, en forma de proposición non de lei e preguntas para resposta oral e escrita, na que demanda que que a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra estuden e acorden, en colaboración cos concellos, unha solución para darlle unha cobertura axeitada ás emerxencias nos concellos de Campo Lameiro, parte de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Moraña e A Lama, tal e como reclamaron recientemente os portavoces do BNG neses concellos.

Lembra Luís Bará que a Lei de emerxencias de 2007 delimita as competencias da Xunta e das entidades locais, concellos e deputacións, na prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento.

En virtude do establecido nesta lei, os concellos de máis de 20.000 habitantes teñen a obriga de contar con servizo de extinción de incendios e salvamento. No caso das entidades locais de menos de 20.000 habitantes, prevese que as Deputacións provinciais colaboren na prestación de servizo, e a tal efecto creáronse os Consorcios Provinciais de Bombeiros, cofinanciados pola Xunta e as Deputacións.

A lei de emerxencias de Galiza atribúelle ao Consello da Xunta a dirección e coordinación da protección civil e da xestión de emerxencias 

 

A citada lei atribúlle ao Consello da Xunta “a dirección e coordinación da protección civil e da xestión de emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia”.  Entre outras obrigas, a lei prevía que o goberno galego elaborase un plan director dos servizos contraincendios e de salvamento que definise o modelo de reordenación territorial e a estrutura operativa deles, plan que a estas alturas ainda non está redactado, o que explica moitas das carencias do sistema galego de emerxencias.

 

Deficiente cobertura nas zonas de sombra

 

Unha destas carencias é precisamente a deficiente cobertura territorial das emerxencias en determinadas zonas do país, que carecen de servizos de bombeiros e de grupos de emerxencia supramunicipal. Nestas áreas, chamadas “zonas de sombra”, os tempos de resposta dos servizos de emerxencias están moi por riba dos 20 minutos, chegando nalgúns casos a 1 hora.

Esta situación é particularmente alarmante no caso dos concellos de Campo Lameiro, parte de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Moraña e A Lama, que son atendidos desde os parques que ten o Consorcio Provincial de Bombeiros en Ribadumia e Bueu, e os de Forcarei e outra parte de Cerdedo-Cotobade que son atendidos dende o Consorcio do Deza.

Segundo Luís Bará, “A poboación destes concellos está absolutamente desprotexida, sen medios para dar unha resposta áxil e eficaz, como se puxo de manifesto no incendio que tivo lugar en Tenorio en xullo de 2017”. Mais  “aquel non foi un caso único, xa que é unha situación que se repite cando hai calquera emerxencia, como aconteceu o pasado 31 de xullo co incendio dunha casa en Ponte Caldelas, no que os bombeiros do Consorcio Provincial con base en Bueu tardaron 40 minutos en chegar”.

Segundo o BNG, desde fai xa máis de 2 anos, a Xunta de Galiza anunciou a revisión do mapa de emerxencias e a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades, mais pouco se avanzou ao respecto. Por iso, Bará considera “imprescindíbel e urxente que a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra procuren unha solución a este grave problema” e para facelo posíbel, o grupo do BNG presentou unha proposición non de lei para que a Xunta de Galiza estude e acorde coa Deputación de Pontevedra e cos concellos unha proposta para prestar con garantías o servizo de extinción de incendios e salvamento nos concellos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moraña, Ponte Caldelas e A Lama, reducindo sensíbelmente os actuais tempos de resposta. Esta proposta deberá estar operativa no primeiro semestre de 2020.

 

Batería de preguntas parlamentarias sobre a deficiente cobertura das emerxencias

 

Xunto coa proposición non de lei, que que será debatida proximamente en comisión ou en pleno, o grupo parlamentar do BNG rexistrou as seguintes preguntas que deberán ser respondidas polo goberno:

  • Que medidas prevé adoptar a Xunta de Galiza para dotar do servizo de extinción de incendios e salvamento os concellos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotabade, Forcarei, Moraña, Ponte Caldelas, A Lama e en xeral todos os que están por riba dos 20 minutos?
  • Considera o goberno galego que é unha boa solución que 59 concellos da provincia de Pontevedra sexan atendidos por 5 parques de bombeiros?
  • Considera o goberno galego  que 91 bombeiros son suficientes para atender unha provincia como Pontevedra?
  • Considera o goberno galego que as quendas de 3 persoas nos parques provinciais e moitas veces no Deza ofrecen seguridade na intervención aos bombeiros?
  • Como valora a Xunta de Galiza que os tempos de resposta sexan de arredor de unha hora en moitos lugares desta zona de sombra?
  • Que medidas prevé adoptar a Xunta de Galiza para dotar do servizo de extinción de incendios e salvamento ós concellos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotabade, Forcarei, Ponte Caldelas e A Lama?
  • Mantivo contactos coa Deputación de Pontevedra e cos concellos para estudar unha solución á deficiente cobertura que teñen estes concellos?