O BNG demanda un novo médico para Soutomaior

soutomaior-grupo-1
Grupo municipal do BNG
O BNG demanda un novo médico para Soutomaior

O BNG de Soutomaior presentou no rexistro do Concello  unha moción na que se contemplan unha batería de medidas en defensa da sanidade pública en Soutomaior. 

A nosa proposta contempla dúas liñas principais, a primeira relacionada coa necesidade de que o SERGAS cubra as baixas do persoal dos centros de Saúde. “Non pode volver a acontecer  que os nosos nenos queden sen pediatra, sinalaba o voceiro do BNG” Manu Lourenzo. 

A outra liña de actuación ten que ver coa necesidade de que  o SERGAS envíe un novo médico de familia para o Concello. A este respecto Manu Lourenzo, sinalou que na actualidade temos 2 médicos de familia en Arcade e un Soutomaior. Esta realidade fai que a atención sanitaria no noso concello estea masificada e que os cupos dos nosos médicos sexan elevadísimos. Para nos facer unha idea, as directrices europeas recomendan que debe haber un médico de familia por  cada 1500 cartóns sanitarios como máximo. Pola súa banda, a Asociación Española de Médicos de Familia, ten en conta criterios propios da sanidade e poboación no estado e por iso recomenda que haxa un médico de familia por cada 1200 pacientes. Estamos a falar de recomendacións máximas e nós en Soutomaior sobrepasamos con creces estas directrices máximas

Os propios datos do SERGAS confirman que os médicos do noso Concello superan con moito as cifras máximas de pacientes recomendados polas instancias médica

No noso concello temos tres médicos cos cupos ateigados. Segundo fontes do propio SERGAS temos un médico con 1720 pacientes, outro con 1570 e un terceiro con 1520. Estes datos desbordan todas as recomendacións máximas e fan que a calidade da sanidade de Soutomaior se vexa afectada. E se a isto engadimos que, tal e como vimos de ver, o SERGAS non cobre as baixas dos pediatras (e descarga a atención infantil tamén sobre os médicos) pois xa nós mesmos podemos facer un diagnóstico da situación, sinalaba Manu Lourenzo.

Pero ademais destas medidas na iniciativa do BNG tamén se contemplan outras como o arranxo de cables telefónicos que penduran na entrada do centro de saúde ou a  devolución de prazas de aparcamento que o grupo de goberno do PP eliminou no centro de Saúde de Arcade. O que acontece é que en demasiadas ocasións, os sanitarios teñen que aparcar lonxe porque na contorna do centro de saúde non colle nin un alfiler, e iso ten unhas graves consecuencias, xa que se por exemplo, se te chaman para unha urxencia, como un infarto, eses minutos que perdes en ir  a buscar o coche para atender o paciente, poden ser determinantes.

O BNG demanda un novo médico para Soutomaior