O BNG demanda unha aula Wifi municipal para estudantes

Marcos Suárez
Marcos Suárez
O BNG demanda unha aula Wifi municipal para estudantes

Moraña, 5 de xuño de 2020. O BNG de Moraña rexistrou unha moción na que insta ao goberno municipal do Partido Popular a implementar a creación dunha aula Wifi municipal para o estudantado, preferentemente o universitario, que se atopa nestes momentos realizando os exames de fin de curso por vía telemática. O BNG recolleu varias queixas de estudantes que tiveron serias dificultades en asistir ás aulas virtuais ou que incluso quedaron sen conexión en pleno exame. Este tipo de situacións, que crean cadros de ansiedade, estrés e nerviosismo nos mozos e mozas non se poden permitir en pleno século XXI nun concello como o de Moraña.

A este respecto, o voceiro municipal do BNG, Marcos Suárez explica que o colectivo dos veciñoas/as estudantes foi un dos que se víu afectado directamente nesta pandemia ao ter que manter o seu ritmo de traballo de xeito virtual nunhas condicións "moi lonxe de ser óptimas no noso concello ao respecto das conexións á rede". 

Suárez lamenta ademais que o COVID-19 deixara entre outras realidades e certezas a da "grave fenda dixital que existe no noso país e tamén no noso concello, onde existe unha enorme desigualdade debido ás diferencias na calidade das redes tecnolóxicas entre lugares e parroquias e por suposto comparados con outros concellos". Continúa afirmando o concelleiro nacionalista que "somos coñecedores de iniciativas que xurdiron xa para tratar de mitigar este tipo de desigualdades e ofrecerlle a todo o estudantado a oportunidade de poder acceder a espazos públicos wifi para realizar os seus exames, entre eles a iniciativa posta en marcha pola AMTEGA e que conta coa colaboración de 92 entidades locais, entre elas algún concello limítrofe con Moraña dando acceso ás súas aulas ao estudantado"

O voceiro municipal do BNG lembrou neste sentido que "en Moraña temos a disposición varios espazos públicos que cremos que poden cumprir as expectativas para ser espazos Wifi que se poñan a disposición daqueles estudantes que requiran do servizo para realizar os seus exames con todas garantías sanitarias e de conexión á rede. Tanto a Casa de Cultura Castelao ou o novo Centro Multiusos cumpren as condicións para ubicar esas aulas. Para iso – conclúe Suárez – faise imprescindible realizar con urxencia un informe detallado no que se determine cal sería o espazo público, e instar á Xunta, que é a competente no ámbito universitario, a que financie a creación desta aula Wifi".

 

O BNG demanda unha aula Wifi municipal para estudantes