BARÁ SALIENTA O LOGRO COLECTIVO A FAVOR DA SANIDADE PÚBLICA

O BNG critica o veto do PP a brindaro Hospital único e público en Montecelo

PONTON E LORES DEBATE ILP MONTECELO 800x450(2)
PONTON E LORES DEBATE ILP MONTECELO 800x450(2)
O BNG critica o veto do PP a brindaro Hospital único e público en Montecelo

O BNG fixo un recoñecemento a todo o pobo de Pontevedra, aos concellos da comarca, aos profesionais da sanidade e ao goberno municipal porque, en palabras do deputado Luís Bará, son os protagonistas do “logro colectivo” que permitirá ter o Hospital único de Montecelo e  “pagar a débeda histórica” coa área sanitaria de Pontevedra en beneficio das 300.000 persoas que a integran. 

Durante o debate parlamentario da iniciativa lexislativa popular (ILP) para crear un hospital público e único a través da ampliación do actual Montecelo, Bará lembrou o empeño do PP en sacar adiante a opción de Monte Carrasco movido por “intereses privados” que tiveron como gran impulsor á "mesma persoa que agora vai dar un golpe no Concello de Sanxenxo”, indicou en relación ao que ex concelleiro na cidade do Lérez, Telmo Martín.

O deputado puxo en valor o traballo dos impulsores da ILP e criticou o veto do PP porque, ao igual que os promotores, entende que plasmar por lei a ampliación que dará lugar ao Hospital único de Montecelo “é a mellor garantía para desbotar a sanidade como negocio entre empresas amigas, a mellor maneira de ter un compromiso firme coa sanidade pública, universal e de calidade” para a Área sanitaria de Pontevedra.

Bará foi moi crítico coa postura mantida durante anos polo PP neste asunto. “Se Feijóo non tivese incumprido o convenio asinado en 2009 hoxe xa teríamos en marcha o hospital único e público, pero aínda queda un longo camiño por diante para conseguilo”, concluíu.

A loita do pobo forzou o cambio no PP 

Tamén o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañou aos promotores desde a tribuna d Cámara durante o debate, valorou o movemento social, veciñal, sindical e político que forzou o cambio “de tocata” do PP, e foi capaz de frear a proposta de Monte Carrasco. “Positiva a loita, a vitoria e o cambio de opinión do PP”, sintetizou, pero lembra que, como rexedor, xa leva tres convenios asinados que recollían a opción do Hospital único de Montecelo.

“A partir de aí non é que non me fíe do convenio que asinei co presidente da Xunta, pero vou seguir de cerca este proceso para garantir que finalmente Pontevedra teña o hospital único público e de xestión pública que é absolutamente necesario”, argumentou. 

 

O alcalde nacionalista lamentou o veto do PP á ILP “porque é unha iniciativa popular maioritaria da sociedade pontevedresa e non estaría mal que a apoiase”, e avanzou que na parte que lle corresponde “o Concello de Pontevedra vai seguir cumprindo os compromisos adquiridos coa Consellería de Sanidade, aínda que, -reiterou-, neste tipo de convenios chove sobre mollado porque xa asinei tres e dous volvéronse atrás. Espero que este non”.

 

En todo caso, Lores tirou de refraneiro para asegurar que o goberno municipal que lidera vai estar vixiante sobre o cumprimento deste terceiro convenio. “Seguindo a máxima que di a deus rogando e co mazo dando, seguiremos esixindo que se cumpran eses compromisos porque o que quere o BNG é que a Área de Pontevedra teña unha sanidade pública, que é boa, pero para que non se deteriore é preciso seguir investindo e ampliando os servizos”.

 

“Imos estar sempre esixindo que non se baixe a garda, e por iso estou tamén aquí hoxe no Parlamento apoiando esta iniciativa lexislativa popular”, concluíu.