AS OBRAS DE RECUPERACIÓN DO TRAZADO PARA USO DE PEÓNS E CICLISTAS SERÍAN SINXELAS E DE BAIXO CUSTE

Bará: "unha vía verde entre Paredes e Arcade permitiría unha mobilidade sustentábel de grande interese turístico"

Vía Verde Paredes-Arcade
Vía Verde Paredes-Arcade

O cabeza de lista do BNG ás eleccións galegas pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, reclamou a recuperación do tramo de vía do tren en desuso entre Paredes e Arcade como unha vía verde para comunicar Arcade e Pontevedra fomentando a mobilidade sostible e, a un tempo, creando un percorrido turístico de grande interese. O nacionalista realizou esta reivindicación cun roteiro pola vía no que participaron tamén a candidata Olalla Obelleiro, e concelleiros de Soutomaior como Manuel Lourenzo e de Vilaboa como Ornela Fernández, entre outros.

O candidato lembrou que a día de hoxe a antiga vía férrea presenta un estado de abandono lamentable e subliñou que a transformación desta antiga vía nunha senda verde para uso peonil e cilista suporía crear unha nova infraestutura duns dez quilómetros que sería alternativa á estrada estatal -que a presenta unha grande inseguridade- para facilitar tránsitos peonís e ciclistas.

Bará a salientou, así mesmo, o uso turístico da vía verde pola beleza e interese dos espazos culturais e naturais que atravesa e cos que sería necesario conectala: o ENIL do río Gafos-Tomeza, a vía romana e o camiño portugués, as salinas de Vilaboa e a enseada de San Simón, a illa da Insuíña en Ponte Sampaio, a ponte medieval, ou as pontes tren entre Arcade e Ponte Sampaio, a fábrica da Pontesa e a Illa do Castelo de Ponte Sampaio.  “A senda sería un grande eixo, unha grande arteria de comunicación que nos permitiría utilizala como un instrumento de mobilidade e tamén turístico”, dixo.

Un dos puntos que máis destacou Bará foi a importancia da zona dende o punto de vista histórico, xa que polas inmediacións da futura vía verde pasaba xa a Vía Romana XIX. “Sabemos que pasaba por aquí porque cando se fixo no século XVIII a estrada que promocionou Arcebispo Malvar entre Santiago e Ponte Sampaio, onde finalizaban os seus dominios, pois apareceron miliarios xusto detrás, na antiga estrada de Paredes. Tamén apareceron na desembocadura do Ulló en Ponte Sampaio, por onde pasa o Camiño Portugués, igual que na entrada a Pontevedra. Ademais, hai 150 anos volveron aparecer os miliarios nas obras da vía do tren en Salcedo. Coincide practicamente o trazado do camiño da vía verde coa vía romana”, subliñou, para plantexar unha demanda que o BNG xa presentou en algunha ocasión: facer unha réplica deses miliarios que apareceron e poñelos na súa ubicación para coñecer a historia e facer máis atractiva a zona. 

Bará: "unha vía verde entre Paredes e Arcade permitiría unha mobilidade sustentábel de grande interese turístico"