NA SÚA VISITA Á FÁBRICA DE CLESA, LUÍS BARÁ AVOGOU POR CREAR E FORTALECER UN GRUPO LÁCTEO GALEGO

Bará: "O sector do leite pode dar moito máis de si se Galiza aposta pola transformación e o valor engadido"

Visita a Caldas de Reis
Visita a Caldas de Reis

O cabeza de lista do BNG ás eleccións galegas pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que “o sector do leite pode dar moito máis de si se Galiza aposta pola transformación e o valor engadido”. O nacionalista así o dixo na visita á fábrica de iogures de Clesa en Caldas de Reis, onde subliñou que o goberno da Xunta debe crear e fortalecer un Grupo Lácteo Galego, así como apoiar “claramente e con valentía” iniciativas que apostan pola innovación.  

Bará: "O sector do leite pode dar moito máis de si se Galiza aposta pola transformación e o valor engadido"

O cabeza de lista do BNG ás eleccións galegas pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que “o sector do leite pode dar moito máis de si se Galiza aposta pola transformación e o valor engadido”. O nacionalista así o dixo na visita á fábrica de iogures de Clesa en Caldas de Reis, onde subliñou que o goberno da Xunta debe crear e fortalecer un Grupo Lácteo Galego, así como apoiar “claramente e con valentía” iniciativas que apostan pola innovación.  

Bará definiu a visita á fábrica de Caldas como moi positiva, xa que ao seu entender, Clesa “pon de manifesto que se o sector lácteo galego aposta polo cooperativismo como fórmula facendo un produto de calidade hai capacidade para poñer no mercado produtos e fórmulas de éxito incluso nun mercado moi competitivo e con moita competencia desleal”. “ Galiza ten potencial, recursos e saber facer, e iso hai que aproveitalo porque hai futuro para o sector”, subliñou. 

En canto ás posibilidades de recuperación do sector, Bará sinalou que hai grupos empresariais foráneos que están a comprar fábricas en Galiza e interesándose por realizar investimentos no país, o que demostra que “o sector ten futuro porque hai outros ciclos de crecemento que se poden levar adiante con boa xestión e desenvolvendo produto de calidade como hai en Galiza”.

Neste sentido, o candidato sinalou que é fundamental que o Goberno galego aposte claramente e con valentía por iniciativas propias e punteiras que avoguen pola modernización e a innovación, así como por crear e fortalecer un Grupo Lácteo Galego. Así, subliñou que as agrupacións lácteas unidas en Clesa “xa son dalgún modo un xerme dese grupo lácteo galego porque supoñen o 20% da produción láctea do país”. “É preciso ter unha visión estratéxica”, subliñou, para lembrar que o BNG aposta por aplicar selectivamente as axudas públicas aos investimentos na industria láctea, concentrando o apoio aos proxectos que permitan desenvolver liñas novas e produtos de alto valor engadido.

O BNG aposta por aplicar selectivamente as axudas públicas aos investimentos na industria láctea, concentrando o apoio aos proxectos que permitan desenvolver liñas novas e produtos de alto valor engadido.

“Pódense facer produtos empresariais que medren e que teñan expansión, que cheguen aos mercados, que diversifiquen a súa produción. Galiza ten que ter ambición, produtos innovadores, ten que ter proxectos de calidade en todos os sectores, e no sector primario e do leite tamén. Así poderemos chegar moi lonxe”, finalizou.

A planta de Clesa en Caldas de Reis é un proxecto posto en marcha en agosto de 2012 por unha agrupación de cooperativas lácteas galegas cun volume de recollida de leite de 470 millóns de litros, o que supón o 20% do total de leite galego (xestionado por unhas 20.000 familias galegas). A día de hoxe Clesa factura 22 millóns de euros anuais e xera 72 postos de traballo directos, fabricando 190 millóns de terrinas de iogur ao ano cunha inversión de 700.000 euros anuais en desenvolvemento de novos produtos. O crecemento dende o inicio do proxecto ven sendo exponencial, pasando da tonelada e media de produción de 2012 ata máis de nove millóns de quilos na actualidade. “Os piares do noso modelo son a calidade, a innovación e a responsabilidade social”, asegurou o xerente, Pablo Gómez, quen destacou a aposta da fábrica pola materia prima galega e polos produtos sostibles.

 

Visita ao Mercado

caldas2Bará, que estivo acompañado na visita a Clesa por diferentes cargos orgánicos e institucionais do BNG trasladouse despois ao centro de Caldas de Reis, onde percorreu o mercadiño e a Praza de Abastos para interesarse pola situación do comercio local. Alí manifestou o apoio do BNG ao comercio de proximidade, incentivando a compra de produtos locais e galegos, así como a distribución e relación comercial directa entre persoas produtoras e distribuidoras. Tamén sinalou a aposta polos centros comerciais abertos como fórmula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos.