A PARTICIPACIÓN SOCIAL NA RESTAURACIÓN DAS CONSTRUCIÓNS, ELEMENTO PEDAGÓXICO E DE DINAMIZACIÓN ECONÓMICA

Bará: "A recuperación do patrimonio é unha ferramenta para revitalizar o rural do país"

Muíños do Batán
Muíños do Batán
Bará: "A recuperación do patrimonio é unha ferramenta para revitalizar o rural do país"

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, visitouos Muíños do Batán e o Castro das Croas na parroquia pontevedresa de Salcedo e púxoos como referencia na recuperación do patrimonio natural, etnográfico e histórico como ferramenta de dinamismo e revitalización das zonas rurais. O nacionalista louvou o traballo feito dende o Concello de Pontevedra e destacou a necesaria implicación do futuro goberno galego para poñer en valor áreas similares no resto do país para que sexan aproveitadas pola cidadanía.

Bará destacou que a zona dos Muíños do Batán trátase dun espazo de grande interese dende o punto de vista natural, paisaxístico, histórico artístico, arquitectónico e arqueolóxico, no que o Concello de Pontevedra leva tempo desenvolvendo un proceso de recuperación e de posta en valor cun alto grao de participación da colectividade de Salcedo, tanto da comunidade de montes como dos veciños. “Pensamos que é un exemplo de socialización do patrimonio, de aproveitamento e disfrute pola propia cidadanía cun alto nivel de uso. Os colectivos tamén se implicaron na restauración dos muíños, polo tanto demóstrase que o patrimonio pode ser un patrimonio vivo, con aproveitamento pedagóxico e social e un elemento de dinamización socioeconómica”.

Bará destacou a aposta do BNG polo aproveitamento deste sector dentro do Programa deseñado para a seguinte lexislatura galega, no que se insiste na recuperación e posta en valor do patrimonio “porque ademais de ser un sinal de identidade importante para Galiza tamén ten que ser unha ferramenta de dinamismo e revitalización das zonas rurais, así como de aproveitamento en todos os sentidos”.