Bará leva ao Parlamento as deficiencias na rota das Augas da Freixa, en Cerdedo-Cotobade

Bará leva ao Parlamento as deficiencias na rota das Augas da Freixa, en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade 25 de novembro de 2020. A Xunta de Galiza e o concello de Cerdedo-Cotobade cofinanciaron recentemente a obra da Rota das Augas da Freixa, no lugar de Dorna, parroquia de Santa María de Sacos (Cerdedo-Cotobade). Esta actuación tivo un orzamento de 44.919€, dos cales a Xunta achegou 29.127 € e o Concello 15.792€.

O pasado 10 de xaneiro de 2020 o ex delegado territorial da Xunta, Cores Tourís, xunto co Alcalde de Cerdedo Cotobade xiraron visita ao lugar para comprobar a execución das obras. En realidade as obras non se corresponden co nome do enclave xa que o percorrido non chega ao río e moito menos á Freixa e ao manantial de augas mineromedicinais.

No mes de agosto, membros do BNG fixeron un percorrido pola rota e comprobaron a alta perigosidade de parte do percorrido, así como moitas deficiencias na construción dunha obra que presentaba o aspecto de non rematada:

  • O itinerario requiere de limpeza, da eliminación de voluminosos, recheo de zahorra compactada nalgúns treitos erosionados pola auga, recolocación dos postes e reposición das cordas de seguridade. 
  • É necesaria a correcta colocación do mobiliario evitando que se apoie nos valos, e mesmo retirar elementos cravados directamente nos carballos.
  • Posto que se trata dunha rota de alta dificultade no treito final cunha pendente moi pronunciada, é necesario advertir das características do trazado e sobre todo extremar as medidas de seguridade mediante a recolocación e ancoraxe dos pasos de ferro que forman a escaleira que descende ata case o nivel das augas do río Lérez, ademáis da recolocación dos postes e cordas que deben axudar ao paso seguro das persoas usuarias.

Polo anteriormente exposto, o grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión

O Parlamento insta ao goberno galego a:

  1. Inspeccionar as obras da Rota da Freixa, comprobar se foron recepcionadas e pagadas sen estar rematadas, e se foron executadas correctamente.
  2. Garantir a boa execución das obras e a correción das deficiencias que presenta, especialmente as relacionadas coa seguridade dos chanzos metálicos do último treito de baixada, por presentar moito perigo para as persoas usuarias.

Ademais da PNL, o BNG presentou as seguintes preguntas:

  • Supervisou o goberno galego o remate e correcta execución das obras do Rota da Freixa, no concello de Cerdedo Cotobade?
  • Compormou o goberno galego se as obras foron recepcionadas sen estar rematadas?
  • Ten previsto a Xunta garantir a boa execución das obras e a corrección das deficiencias que presenta?
  • Considera necesario a Xunta corrixir as deficiencias da escaleira metálica de baixada ao río nunha pendente moi pronunciada, con chanzos mal ancorados e inestábeis?
  • Ten previsto a Xunta garantir a boa execución do proxecto e a corrección das deficiencias que presentan as obras da Rota da Freixa en Cerdedo Cotobade, que contaron con unha achega económica da Xunta de 29.127 €?
Bará leva ao Parlamento as deficiencias na rota das Augas da Freixa, en Cerdedo-Cotobade