Bará: “Hai unha nova Galiza que pide paso e este domingo ten que votar masivamente ao BNG”

Bará: “Hai unha nova Galiza que pide paso e este domingo ten que votar masivamente ao BNG”

Pontevedra, 10 de xullo de 2020. Coa sensación de que esta campaña está a ser histórica para o BNG, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, fixo hoxe dende a cidade do Lérez un chamamento á mobilización e á concentración de voto do país no BNG de Ana Pontón como a única forza que pode abrir un tempo novo para Galiza como alternativa real ao PP. “Hai unha nova Galiza que pide paso e este domingo ten que votar masivamente ao BNG”, subliñou.

Bará –acompañado do alcalde Fernández Lores, e das concelleiras Eva Vilaverde, Carme da Silva, Demetrio Gómez Xunqueira, Anabel Gulías, Carme Fouces e Xaquín Moreda-  manifestou que o BNG ten boas vibracións, xa que “hai sensacións e datos moi favorables e positivos”, pero destacou que aínda non hai nada decidido: “o resultado está totalmente aberto e vaise decidir por pouco en cada provincia”, subliñou. Destacou que na provincia de Pontevedra escóllense 22 representantes e que uns poucos centos de votos poden decidir un escano, “que pode ser un escano máis para o BNG e menos para o Partido Popular. Uns poucos centos de votos poden ser determinantes para inclinar a balanza non só na provincia de Pontevedra senón en toda Galiza e decidir o resultado”.

Por iso, nestas últimas horas o cabeza de cartel do BNG insistiu na necesidade dunha grande mobilización e un grande apoio ao BNG, voto que asegurou que vale por dous porque serve para derrotar á dereita e tamén para gañarlle ao centralismo. Tamén fixo un chamamento a concentrar no BNG todo o voto do cambio galego, o voto inconformista, o voto da xente que quere ao país e unha Galiza mellor. “Que non se perda ningún voto porque a abstención e tamén o voto a forzas que non van ter representación favorece ao Partido Popular e é necesario que a maioría social que hai nesta comarca e na provincia se pronuncie a favor dunha forza política de futuro como é o BNG”, salientou. 

O cabeza de lista chamou á mobilización e á concentración do voto no Bloque xa que “uns poucos centos de votos poden decidir un escano máis para o BNG ou para o PP e inclinar a balanza”  

“Hai unha Galiza viva, orgullosa, ilusionada… Hai unha nova Galiza que pide paso e o domingo esa nova Galiza que pide paso ten que votar masivamente ao BNG de Ana Pontón para facer historia e para termos por primeira vez unha presidenta que se poña á fronte, que é a presidenta que merece este país”, destacou, para asegurar que esta campaña está asentada nun liderado moi potente, integrador, sedutor, mobilizador, e amable como o de Ana Pontón, “que é a líder que Galiza necesita neste momento histórico no que temos unha encrucillada e temos que escoller á persoa axeitada para liderar o futuro do país”. 

Como anécdota, Bará afirmou que a campaña descubriu sentimentos, ideas e palabras novas “e eu penso que a palabra desta campaña pode ser ‘pontonizar’ que significa seducir, engaiolar, comunicar con magnetismo e con paixón. No BNG estamos pontonizando o país, estámolo enchendo de ilusión, esperanza e confianza en nós, de orgullo e autoestima, enerxía para impulsar o país cara ao futuro”. 

O candidato subliñou que estanse abrindo as portas dun novo ciclo político, dunha nova era e dunha nova Galiza que ten dúas caras, a do cambio político e electoral que co voto nas urnas, pero tamén a doutro cambio máis decisivo, un cambio de fondo, social, mental, “que é o final dun país autolimitado, confinado, subordinado e que estivo aletargado ao longo de todos estes anos, dando paso a través do BNG a un país empoderado, un país seguro de si con ambición, que foi xustamente o mesmo que fixemos en Pontevedra no ano 1999. O paso dunha comunidade de segunda división a unha nación que quere xogar a Champions coas nacións europeas como Euskadi ou como Escocia”, destacou.

O liderado integrador e potente de Ana Pontón está ‘pontonizando’ o país, enchéndoo de ilusión e esperanza

En canto á campaña, destacou que está a ser histórica para o BNG tanto no traballo presencial, porque contra os prognósticos fíxose unha campaña presencial con moita presenza na rúas, con actos multitudinarios e todas as garantías de seguridade, “cunha organización que creo que foi exquisita”. Tamén destacou que foi unha campaña longa, prolongada no tempo e con moita presenza no territorio, onde toda a candidatura do BNG fixo un traballo extraordinario, e acompañada unha grande actividade nas redes sociais, “que desta vez marcou a diferenza”. 

Por último, Bará destacou o posicionamento público de moita xente a favor do BNG, sobre todo no ámbito da Cultura, no que houbo moitísimas persoas que se pronunciaron e mesmo fixeron obras artísticas de apoio ao BNG e á figura de Ana Pontón “das que xa hai colección”. 

Como resumo de campaña Bará utilizou a palabra “ilusión”, xa que ao seu entender o BNG mobilizou “unha grande onda de ilusión e esperanza arredor da candidatura de Ana Pontón, cunha campaña magnética que foi ao longo do tempo atraendo e decantando e posicionando a moitísima xente a favor do BNG. Por un lado moita xente nova que vota por primeira vez, que votou a outras opcións e se manifestou a favor do BNG, tamén antigos votantes que volven votar BNG, e xente de toda condición e de toda idade, tamén no público de idade máis avanzada”, finalizou.

Bará: “Hai unha nova Galiza que pide paso e este domingo ten que votar masivamente ao BNG”