Bará demanda en Cuntis solucións ás inundacións, apoio ao patrimonio termal e melloras na N-640

Bará demanda en Cuntis solucións ás inundacións, apoio ao patrimonio termal e melloras na N-640

PONTON E BARA VISITA CUNTIS2Cuntis, 1 de xuño de 2016. A portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato por Pontevedra ás eleccións do 26X, Luís Bará, realizaron unha visita ao Concello de Cuntis para coñecer de primeira man as necesidades do municipio e os proxectos que o BNG impulsa desde a súa participación no goberno local.

Infraestruturas, medidas contra as inundacións e posta en valor do patrimonio termal foron os asuntos abordados no encontro co concelleiro de Cultura, Turismo e Comercio, Enrique Portela, e coa deputada provincial, Eva Villaverde.

Neste sentido, Bará reivindicou que Cuntis sexa incluído dentro do plan de zonas inundables da Xunta, que reciba axudas públicas para afrontar os efectos das enchentes dos pasados meses e unha limpeza inmediata do fondo do río Gallo. Ademais, aposta por impulsar o patrimonio termal, que cualificou de “estratéxico” para a vila: “É un motor do comercio e do turismo local que merece que se lle preste todo o apoio porque supón tamén un sector con capacidade para xerar emprego”.

O candidato de BNG nas eleccións do 26X avanzou que a mellora das infraestruturas vai seguir sendo un tema central do traballo da representación nacionalista no Congreso. No caso concreto de Cuntis, Bará citou a N-640, que comunica Ribadeo con Vilagarcía, “e ten importantes necesidades de conservación, mantemento e seguranza viaria, que defenderemos no Congreso como sempre fixemos”.

O BNG convida a aproveitar o 26X para recuperar peso político en Madrid da man do BNG, que ten o aval de 20 anos de traballo no Congreso

“A diferencia doutras alternativas políticas, vellas e novas, o BNG preséntase o 26X co aval de vinte anos de traballo en defensa dos intereses dos galegos e das galegas”, subliñou Bará, quen convida “a aproveitar a oportunidade que dan estas eleccións  para que Galiza recupere peso político a través dunha candidatura de país que vai dar a cara para defender o noso, nun contexto sen maiorías absolutas onde a representación do Bloque pode ser decisiva para condicionar o goberno do Estado en beneficio dos galegas e galegas”, concluíu.

Pola súa parte, a portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor o traballo do grupo municipal en Cuntis, e xa avanzou que o BNG reclamará este venres no Parlamento galego “que a Xunta acometa as obras de limpeza no río Gallo, Cuntis sexa incluído no plan de zonas de inundación da Xunta e reciba as axudas necesarias”.

Para a portavoz do Bloque “sería un sin sentido que Rueda permitise que aqueles concellos máis afectados fosen precisamente os que non tivesen axudas públicas por parte da Xunta”, concluíu.

PONTON E BARA VISITA CUNTIS1Pola súa parte o concelleiro Enrique Portela cifrou entre 80.000 e 100.000 euros o orzamento necesario para levar a cabo as obras de reparación no entorno do río provocadas polas inundacións. “Iniciámolas desde o Concello ante o absoluto desinterese e abandono da Xunta, por non ser da súa mesma cor política”, denunciou.

No marco da cita electoral, Pontón considera que os galegos e as galegas teñen dereito a que os representantes electos polo país defendan o mesmo en Galiza que en Madrid, tras coñecer que a cabeza de cartel do PP por Pontevedra, a ministra Ana Pastor, inicia a precampaña comunicando que non é posible a transferencia da AP-9 pese a reclamación unánime do Parlamento.

O PP presenta como candidata por Pontevedra a unha ministra que boicotea o traspaso da AP-9

“Estamos fartas de escoller deputados e deputadas que en canto chegan á Madrid esquecen os nosos problemas, a vella política das forzas estatais de dicir unha cousa aquí e outra fora, queremos representantes que defendan o mesmo no Parlamento galego que no Congreso”, salientou Pontón, tras cualificar de “escándalo” que o PP presente unha candidata que anuncia que votará en contra da transferencia da AP-9.

“Xustamente a ministra responsable de que se subiran as peaxes, mentres baixaban os salarios”, polo que a portavoz nacional insta ao PP “a dicir a verdade, porque temos dereito a saber se os candidatos e candidatas que apoia o señor Feijóo van defender a posición aprobada polo Parlamento galego o van defender a posición de Audasa”, concluíu.