Bará asegura que a Xunta estivo “desaparecida” da comarca de Pontevedra na crise económica provocada pola COVID-19

01-10-19-rolda bará-
Luís Bará
Bará asegura que a Xunta estivo “desaparecida” da comarca de Pontevedra na crise económica provocada pola COVID-19

Pontevedra, 29 de maio de 2020. O cabeza de lista do BNG Luís Bará asegurou hoxe, logo dos contactos e reunións mantidos nos últimos días con concellos, asociacións e profesionais de distintos ámbitos, que “a Xunta de Galiza estivo desaparecida da comarca de Pontevedra na crise económica provocada pola COVID-19”. Segundo o nacionalista, o Goberno galego “xogou ao escapismo”, xa que trasladou responsabilidades ao Executivo central por ter absorbido competencias e cargou a resolución de todos os problemas que foron xurdindo nos concellos.

Segundo o candidato do BNG, a pasividade do goberno de Feixóo fixo que tiveran que ser os gobernos locais os que lle fixesen fronte sós a todas as dificultades. Nomeadamente citou a emerxencia social e a necesidade material de alimentos de centos de familias, que foron asistidas polos municipios e entidades sen ánimo de lucro. Citou tamén que foron os concellos os que lle tiveron que proporcionar a conexión a internet ao estudantado para poder asistir ás sesións de teledocencia escolar, e os que proporcionaron material de protección a moitos colectivos que non tiñan para poder desenvolver a súa actividade. 

O candidato do BNG destaca que o goberno galego “xogou ao escapismo” e cargou aos concellos a responsabilidade de resolver todos os problemas

“Agora tamén vemos como a Xunta pretende trasladarlle aos concellos a responsabilidade en materia de control de acceso ás praias e tamén a organización de verbenas sen transferirlle os medios materiais e os recursos económicos para facerlle fronte a esta situación”, subliñou, para poñer sobre a mesa que hai problemas tamén coa conciliación para familias que teñen nenos e nenas e non hai movemento do goberno galego. “Hai un baleiro absoluto e desaparición da Xunta nesta materia”, dixo.

Outro dos aspectos nos que Bará fixo fincapé foi a ausencia de iniciativas en favor das persoas autónomas e das pequenas e medianas empresas. Explicou que non se habilitaron axudas directas para profesionais autónomos de distintos sectores como a cultura, comercio ou hostalería, e salientou que “Galiza ten a triste marca de ser, con Aragón, a única comunidade que non habilitou axudas directas para autónomos”. Insistiu en que o BNG neste sentido fixo unha proposta clara de que se aprobasen axudas de 2.000 euros de forma directa e nun pago único.

Fronte a esta situación de desaparición do goberno galego, o cabeza de lista lembrou a proposta clara do BNG: “a necesidade dun acordo de país para desenvolver un plan de activación económica e social de Galiza”. Segundo explicou, este acordo debe ser elaborado nunha mesa na que teñen que participar todos os axentes institucionais, administracións, organizacións sindicais, colectivos profesionais, e tamén colectivos sociais.

O BNG aposta por un ‘acordo de país’ para deseñar un plan de activación económica e social baseado na potenciación dos sectores produtivos, a intervención pública en empresas estratéxicas, o aumento de investimento en I+D+i e a blindaxe dos servizos públicos

O plan do BNG, apuntou, debe desenvolverse a partir de varios eixos fundamentais. En primeiro lugar debe estar a defensa e potenciación dos sectores produtivos para manter e crear emprego de calidade no agro, no mar, na industria, no comercio, no turismo ou no sector enerxético; en segundo lugar a intervención pública para a nacionalización de empresas estratéxicas que están en risco, xunto cunha aposta polo incremento do investimento en investigación para facer máis competitiva a economía galega. Por suposto, insistiu, “a blindaxe dos servizos públicos de sanidade, servizos sociais, educación, que son fundamentais neste momento para garantir unha sociedade con máis xustiza e con máis equidade”.

Bará asegura que a Xunta estivo “desaparecida” da comarca de Pontevedra na crise económica provocada pola COVID-19