Bará anuncia a creación dun Fondo económico de Conservación da Natureza que funcionaría como “un seguro de vida tanto para as persoas como para o planeta”

Bará anuncia a creación dun Fondo económico de Conservación da Natureza que funcionaría como “un seguro de vida tanto para as persoas como para o planeta”

A candidatura do BNG, encabezada por Luís Bará, achegouse no día de hoxe ás ribeiras do río Lérez en Monte Porreiro, un espazo declarado Rede Natura, para anunciar a creación por lei do Fondo de Conservación da Natureza entendido “como un seguro de vida colectivo, un seguro de vida da natureza tanto para as persoas como para o planeta”.

Trataríase dun fondo económico da Xunta con medios procedentes dos orzamentos públicos e tamén fondos privados que se conseguirían mediante doazóns e tamén convenios con entidades privadas, que tamén se nutriría da fiscalidade verde (impostos verdes) e tamén dos recursos procedentes das sancións e multas por infraccións por agresións á natureza e á biodiversidade. 

Esta medida estrela do programa do BNG estaría destinada á protección da natureza, á posta en marcha medidas de xestión e ordenación e conservación dos espazos naturais protexidos (ríos, rías, montes, ou calquera con valor ambiental) e tamén se utilizaría para realizar plans de protección e conservación de especies ameazadas e en grave risco de extinción tanto de flora como de fauna. Nestes momentos, lembrou Bará, hai máis de 200 catalogadas así no país, se ben só hai tres con plans de conservación que ademais non teñen os medios e fondos necesarios.

Luís Bará avoga pola posta en marcha dun plan de dinamización dos territorios con espazos naturais protexidos

Acompañado do tamén candidato Manuel Lourenzo, da concelleira Pilar Comesaña, e de militantes e simpatizantes, Bará tamén anunciou que un goberno do BNG na Xunta ampliará a Rede Natura mediante unha proposta ambiciosa para avanzar “dende o raquítico 2% do territorio galego actual protexido ata o 20%, co obxectivo de achegar o noso país á media estatal e europea e abandonar o furgón de cola no que estamos situados nestes momentos”. Para iso, a intención é recuperar a proposta do goberno da Xunta do ano 2008 incidindo na necesaria conectividade entre todos os territorios protexidos para garantir a biodiversidade. “Trátase de poñer a Galiza á vangarda da protección da biodiversidade, un instrumento fundamental para a salvagarda da saúde das persoas e tamén para viabilidade do planeta e para combater e mitigar o cambio climático. Esta crise puxo de relevo se non estaba claro a necesidade de investir un grande esforzo na protección e na conservación da natureza”, subliñou. 

Para a elaboración desta proposta de ampliación da Rede Natura o cabeza de cartel anunciou que o BNG contará co movemento ambientalista e de custodia do territorio e tamén co asesoramento das institucións científicas vencelladas á universidade. 

O cabeza de lista do BNG propuxo a ampliación da Rede Natura ata o 20% do territorio galego na vindeira lexislatura

Por outra parte, explicou que o BNG promoverá a redacción de plans directores dos espazos incluídos na Rede Natura, tal e como lle reclamou a Unión Europea de maneira reiterada á Xunta de Galiza por incumprir esta obriga legal. Finalmente, anunciou o BNG porá en marcha programas de dinamización socioeconómica dos territorios no ámbito da Rede Natura e doutros espazos protexidos para axudar á reactivación económica e social e á promoción dos seus valores históricos, culturais, naturais e paisaxísticos. 

Bará anuncia a creación dun Fondo económico de Conservación da Natureza que funcionaría como “un seguro de vida tanto para as persoas como para o planeta”