Ana Pontón pide en Pontevedra o apoio ao BNG o 10N á todas as persoas que votan a Lores nas eleccións municipais

Ana Pontón pide en Pontevedra o apoio ao BNG o 10N á todas as persoas que votan a Lores nas eleccións municipais

No mitin de Pontevedra, a portavoz nacional, Ana Pontón, puxo a cidade do Lérez como exemplo da capacidade transformadora do BNG, exemplo de que hai outra maneria de facer política e con ese aval, pediu para a candidatura que encabeza Carme da Silva o apoio “de todas esas persoas que confían no BNG nas eleccións municipais para que tamén o fagan o 10N”.

“Pido o voto de todas as persoas que, convocatoria tras convocatoria, confían en Lores e no proxecto do Bloque, quen mellor que Carme da Silva para facer valer ante o Goberno do Estado os intereses de toda pontevedra?”, interpelou, “queremos que estea no Congreso para poñer fin o silencio destes anos e para poñer fin a esa inmoral prórroga de ENCE e facer realidade unha das máis sentidas demandas deste cidade: o traslado de ENCE fora da ría”.

Ana Pontón chama á mobilización porque “os escanos gánanse nas urnas, non nas enquisas”, e pide sumar no BNG todo o voto de país

Por iso, fronte á inutilidade das forzas estatais, “o 10N é o día en que Galiza ten que dicir basta xa de tanta discriminación e pasotismo, basta xa de poñernos paus nas rodas, o 10N hai que concentrar todo o voto nacionalista, galeguista, todo o voto en clave de País no BNG, converter a cita coas urnas na oportunidade de facernos valer en Madrid confiando no BNG, a única forza coas mans libres, que non lle ten que pedir permiso a ninguén para defender os intereses deste país, nin a Sánchez, nin a Casado nin a Iglesias”, declarou.
 

“Pídolle a todas as persoas cabreadas co espectáculo das forzas estatais, cabreadas coa discriminación e co ninguneo a este país, decepcionadas e cabreadas porque aí seguen intactas a Lei Mordaza ou as contrarreformas laborais que trouxeron precariedade, a todas elas pídolles que se mobilicen, que se rebelen nas urnas votando BNG, que non fai parte do problema senón da solución, que é garantía de defensa de Galiza e de defensa dunha axenda social, de dereitos e liberdades”, proclamou.

“Sobran os motivos para que nos mobilicemos, para concentrar no BNG todo o voto de país”, subliñou, ao tempo que instaba a “intensificar” a campaña de rúa estes últimos días “falando co todo o noso entorno, porque os escanos gánanse nas urnas e non nas enquisas”, en relación ás sondaxes que confirman que o Bloque volverá darlle voz propia a Galiza no Congreso a partir do 10N.
 

Da procesión dos caladiños a ser decisivas no Congreso

Pontón destacou que fronte a “procesión dos caladiños” dos 23 deputados e deputadas electas, a representación do Bloque será “a voz propia que Galiza necesita para facerse valer en Madrid e, nun escenario sen maiores, condicionar a política do Estado a favor dos e das galegas”. Hai que pasar a páxina do agravio das forzas estatais, desde o bipartidismo PP-PSOE que se alternan na discriminación en función de quen se sente na Moncloa, a un Podemos que non dubidou en pactar co Goberno de Sánchez os peores orzamentos para Galiza en vinte anos.

“Non abriron a boca máis que para defender os seus xefes de fila”, criticou, “ese é o descaro das forzas estatais e das súas sucursais que só se acordan de Galiza para vir pedir o voto coas mesmas promesas de sempre, das que se esquecen ao día seguinte de pecharse as urnas. O 10N van recibir a resposta que se merecen da man dun BNG que nunca lle fallou a este país”, concluíu Pontón.
 

Galiza ten que estar

A cabeza de lista por Pontevedra Carme da Silva asegurou que o 10N “o país ten que gañar. Galiza ten que estar”. Igual que Pontón, a candidata pediu a confianza a todas as persoas, nacionalistas ou non, que levan vinte anos confiando no BNG na cidade do Lérez facendo posíbel o soño colectivo de construir o modelo Pontevedra.

Carme da Silva compromete traballar “coa mesma ilusión e intensidade” no Congreso para sacar adiante os proxectos “que as forzas estatais deixaron no caixón”

Da Silva destacou que o seu compromiso “é traballar coa mesma ilusión e intensidade en Madrid” dentro do Congreso, levando alí a voz de Pontevedra, que ata o de agora estivo muda, e cos seus proxectos pendentes metidos nos caixóns da forzas políticas madrileñas.

 

Racanería das forzas estatais

“No caixón quedou a remodelación do nó de bombeiros. Sen moverse desde octubro de 2015, desde de que o BNG non ten representación no congreso. E son ben rácanos: néganos, PP, PSOE e Podemos un proxecto de seis millóns de euros, cando o Ministerio de fomento ten un orzamento 7.500 M€; como decía hai que ser ben rácanos, e terán a cara de decir que non nos discriminan”, subliñou.

Lembrou tamén que no caixón quedou a Circunvalación de Pontevedra, xa que PP e Psoe deixaron caducar a tramitación ambiental, e retrasan o proxecto moitos anos. “A partir do 10N non o imos consentir, non permitiremos que Pontevedra sega a ser a única capital de provincia sen circunvalación, o 10N devolvámoslle a Galiza o respecto e a dignidade”, manifestou.

Non deixou pasar tampouco Da Silva o tema de ENCE, que segue a estar en campaña, igual que nas xerais anteriores, igual que nas municipais, “ mais esta vez parece que cambian a pintura e as ameazas polas caravanas de camións a Madrid”, dixo, para engadir que “o BNG non se vende” e que “a grande mobilización a Madrid é a do BNG para acadar o soño de ver a ría de pontevedra libre de ENCE”

Tamén puxo sobre a mesa o modelo Pontevedra, lembrando que o alcalde foi nomeado como un dos dez personaxes internacionais que contribúen a mellorar o mundo. “Pontevedra, gobernada polo BNG, converteuse nun referente ambiental internacional: con ideas e valores para construír unha vida mellor para as persoas. Saben en Salzburgo, en París, en Nova Iork… do que somos capaces cando temos capacidade de decidir. Sabémolo nós e a partir do 10N vanse enterar en Madrid”, destacou