Ana Pontón: "A igualdade é unha peza clave"

reunion-colectivos feministas
reunion-colectivos feministas

Nunha reunión celebrada o 31 de agosto en Pontevedra con colectivos feministas, a Portavoz do BNG e candidata á Presidencia da Xunta de Galiza propuxo a creación dun Estatuto de Vítima do Feminicidio.

Pola súa Banda, Luís Bará, candidato por Pontevedra, asegurou que "os homes tamén temos que estar na primeira liña no combate pola igualdade"

Ana Pontón: "A igualdade é unha peza clave"

A candidata á Presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, e o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, mantiveron hoxe en Pontevedra unha xuntanza con representantes de colectivos feministas para contrastar propostas en materia de igualdade. Pontón salientou que para o BNG “a igualdade será unha peza fundamental dese novo tempo que queremos abrir a partir do 25-S”. 

“Somos unha candidatura que cre que dende a igualdade gaña toda a sociedade e que este país non se pode permitir que a metade da sociedade siga a padecer discriminacións polo simple feito de seres mulleres”, dixo Pontón, quen sinalou que o BNG ten unha coincidencia importante coa agrupación de colectivos feministas sobre as cuestións de fondo a impulsar “para ir removendo desigualdades”. Sinalou, en concreto, que debe haber unha aposta pola coeducación, xa que sen incidir nos valores non vai ser posible remover moitas das causas profundas da desigualdade das mulleres. 

Pontón destacou que hoxe en día debe haber unha grande preocupación por un asunto como a violencia de xénero “que cuestiona que as mulleres teñen dereito a vivir nun mundo sen violencia”. “Estamos a ver que hai un custe de vidas humano de mulleres que acaban sendo asasinadas e outras que sofren en silencio ou sen os recursos suficientes a violencia nas súas familias”, sinalou, asegurando que “é o momento de dar un paso máis”.

A candidata á Presidencia da Xunta recoñeceu que houbo xa cambios en positivo, pero non suficientes porque non se conseguir a erradicación da violencia nin tampouco garantir que as mulleres que denuncian realmente estean protexidas. “Nós queremos dar un paso máis co recoñecemento do Estatuto do feminicidio, que ten que significar unha mellor atención e unha resposta máis rápida ás mulleres que denuncian e, ao mesmo tempo  o recoñecemento de que estamos ante un feminicidio que supón un cambio de paradigma importante”. 

“Tamén cremos –dixo- que hai un ámbito no que hai moito que traballar, como é o mundo laboral, no que hai unha maior precariedade”. “Hai unha lexislación que establece que hai que ter plans de igualdade no mundo do traballo e este goberno que tivemos estes sete anos incumpliu esa lei sistemáticamente. Nós apostaremos por que as políticas de igualdade de xénero sexan transversais no emprego, no medio ambiente, na ordenación do territorio... en todos os ámbitos. Ten que ser un eixo que empape todo o goberno da Xunta”, finalizou.

O candidato pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, sinalou, pola súa banda, que “os homes temos que estar tamén en primeira liña no que é o combate pola igualdade e combater todo tipo de discriminacións que se producen aínda”. 

Bará incidiu nas palabras de Pontón e subliñou que é certo que houbo moitos avances no marco legal e lexislación favorables á igualdade das mulleres, pero destacou que “a realidade é moi distinta”. “É preciso dende o goberno da Xunta de Galiza desenvolver un conxunto integral de políticas e medidas que consigan que a lexislación se transforme en realidade no ámbito da educación, da formación, do emprego, da integración social e laboral das mulleres, da visibilización das mulleres e da persecución de toda forma de discriminación e violencia que hoxe en día aínda sofren as mulleres”, engadiu.

Ana Pontón: "A igualdade é unha peza clave"