Acondicionamente de Sta. Margarida

Carballo Santa Margarida II
Croquis do proxecto presentado Santa Margarida
Acondicionamente de Sta. Margarida

Actuar sobre a contorna da capela de Santa Margarida e o seu centenario carballo para mellorar este espazo de uso público e darlle vistosidade, é o obxectivo do proxecto de acondicionamento no que traballa o Concello de Pontevedra e sobre o que informou o concelleiro Luís Bará, responsábel tamén de Patrimonio Histórico, á Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos que preside.

Bará sinalou que o proxecto deseñado ten un orzamento de ao redor de 200.000 euros, “asumibles” polo Concello mais antes de sacar adiante a posíbel actuación manterán unha xuntanza coa comunidade de montes de Mourente, a veciñanza do lugar, a Deputación -a estación do Areeiro tratou e trata a saúde do carballo- e o arcebispado de Santiago, propietaria da capela e que xa amosou en conversas previas a súa boa disposición a autorizar a actuación. Informar, recoller suxestións e o apoio de todos eles será o obxectivo desta xuntanza.

Ademais o proxecto terá que contar coa luz verde da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

A proposta de actuación inclúe:

  • A substitución do asfalto por pavimento diferenciado na estrada lindeira o que obrigará tamén ao calmado do tráfico e permitirá o uso deste espazo como praza pública para festas ou actos veciñais.
  • Poríase unha bancada corrida no muro que separa este espazo do adro da capela e de ser posíbel movelo para abrir un paso peonil ao carón.
  •  Quitaríase o formigón que arrodea o carballo e se faría un círculo protector con pavimento de terra, de 21 metros de diámetro (equivalente o diámetro da copa da árbore) e empedrado no acceso. 

Preto do centenario carballo medra un fillo del, prantado no ano 2002 co fin de garantir a liñaxe dunha lenda.

Acondicionamente de Sta. Margarida