Abraldes volve urxir a Fomento solucións para os cruces da N-550 ao seu paso por Barro

17-11-13-Abraldes
Abraldes volve urxir a Fomento solucións para os cruces da N-550 ao seu paso por Barro

Barro, 19 de agosto de 2020. Ante a reiteración de accidentes nas últimas semanas o Alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes solicitou unha reunión cos responsables da demarcación de estradas do Estado para urxir que se tomen medidas antes de que se teñan que lamentar vítimas debidas á inseguridade que estes cruces representan.

Nunha reunión mantida entre Alcalde e os responsables da demarcación de Estradas de Galicia celebrada na Subdelegación do Goberno en febreiro do 2017 acordárase convocar unha reunión entre o Ministerio de Fomento, a Deputación de Pontevedra e o Concello para estudar a mellor solución o cruce da N-550 coa estrada provincial PO-0506 Portela-Curro pola súa escasa visibilidade e o perigo que representa. 

Nestas últimas semanas, nese punto, producíronse dous novos accidentes que por sorte non causaron vítimas mortais. No primeiro deles, o choque dun camión cun turismo que se incorporaba da estrada provincial, como moitos dos que ten habido, e o máis recente, a caída da carga dun camión encima dun vehículo no mesmo punto onde fai uns anos a saída dun vehículo provocara feridas a un axente da Garda Civil que saía do bar que se atopa nese punto. 

A solución para darlle seguridade aos cruzamentos da N-550 ao seu paso polo termo municipal de Barro é unha reivindicación histórica tanto do Concello como da veciñanza de Barro. 

O Alcalde reclamoulle a construción dunha rotonda nese punto que por un lado dea seguridade á incorporación á N-550 desde a estrada provincial, pola que se incorporan moitos vehículos e entre eles un importante número de tráfico pesado e autobuses do transporte escolar. E, por outra banda, que sirva ao mesmo tempo para regular a velocidade coa que os vehículos entran no casco urbano evitando desa maneira accidentes como os sufridos ultimamente.

Abraldes volve urxir a Fomento solucións para os cruces da N-550 ao seu paso por Barro