Abraldes: "Aspiramos a lograr a Alcaldía de Barro"

Abraldes: "Aspiramos a lograr a Alcaldía de Barro"

Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz Municipal do BNG

Durante os últimos meses o BNG estivo celebrando en Barro Asembleas Abertas para analizar a situación do concello e perfilar a candidatura e as liñas básicas do programa de goberno que vai presentar para as vindeiras eleccións municipais do mes de maio.

A primeira parte deste proceso, que resultou moi fruitifero e participativo, culminou no día de onte coa elección por aclamación das 21 persoas que formarán parte da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, e que estará encabezada polo actual Portavoz Municipal do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, unha persoa do sobra coñecida e cunha ampla  e dilatada traxectoria política e social.

Unha candidatura solvente capaz de darlle a Barro o xiro de 180 graos que necesita

Trátase dunha candidatura que auna a experiencia coas aportacións de compañeiros e compañeiras que, formando ou sen formar parte do BNG, estiveron a traballar cóbado a cóbado con nós para conformar unha candidatura solvente capaz de darlle a Barro o xiro de 180 graos que tanto necesita.

O xa candidato á Alcaldía mostrouse orgulloso dos homes e mulleres que o acompañan na candidatura, pola súa entrega, o seu traballo e o seu amor ao pobo demostrado ao longo de todo o proceso de diagnose da situación, elaboración da candidatura e trazado das liñas mestras do programa de goberno.

 

María Xesús Castro pechará o primeiro treito da candidatura

Agradeceu de xeito especial a todas as persoas que, sen ser militantes do BNG, participaron de xeito activo nas asembleas abertas e se incorporaron á candidatura, con ilusión e gañas de mellorar o Concello, e tivo palabras especialmente emotivas e de agradecemento a María Xesús Castro Calviño que, despois de 16 anos como concelleira, non repetirá por petición propia nos postos de saída, aínda que si formará parte da candidatura e continuará traballando desde o BNG por construir un Barro mellor para todos os veciños e veciñas.

Abraldes mostrouse convencido de que coa ilusión e capacidade política e de traballo dos membros da candidatura é posíbel lograr a Alcaldía. “Vós sodes o futuro” -dixo- para afirmar que “é preciso rachar cos 32 anos de (des)goberno do PP, coas súas políticas clientelares e a súa nefasta xestión. Precisamos un goberno que abra o concello a todos os veciños e veciñas sen distinción, que estea pendente das necesidades do pobo e lles procure solucións e que realice unha xestión transparente, rigurosa e exemplar.”

Animou, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, a todos os presentes a seguir traballando con rigor e intensidade para que “o 24 de maio consigamos o mellor goberno para Barro, para que o BNG-Asembleas Abertas consiga a alcaldía, e comece, así, un cambio de rumbo que poña fin ao depotismo do PP. É necesario que a democracia entre, dunha vez por todas, no Concello e se realice unha política que mellore a calidade de vida dos veciños e veciñas".

Abraldes: "Aspiramos a lograr a Alcaldía de Barro"