O PP renuncia a exercer as súas competencias para impedir a consolidación de Ence na ría

O PP renuncia a exercer as súas competencias para impedir a consolidación de Ence na ría

Pontevedra, 12 de xuño de 2013.A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha Proposición non de lei relativa á redacción, tramitación e aprobación pola Xunta de Galiza dunha modificación da disposición adicional terceira do Plan de ordenación do litoral.

A parlamentaria explicou que as directrices do Territorio aprobadas no ano 2011 e o Plan de Ordenación do litoral aprobado por Decreto no mesmo ano, inciden no proxecto sectorial aprobado pola Xunta (declarado ilegal por varias sentenzas) para o “asentamento” industrial de Lourizan, ENCE e no complexo “industrial contaminante de ENCE-ELNOSA) polo que reclamou a súa modificación.

O PP traballa para que ENCE fique en Lourizán

Para a deputada, o Goberno galego renuncia a exercer as competencias de Galiza e mantense “brando” á hora de poñer  condicións “claras”  a ENCE. Pola súa parte, explicou, a empresa utiliza publicidade con contidos  como:  “ reducimos o impacto oloroso e visual e pedimos a arquitectos de todo o mundo ideas para mellorar a integración paisaxística”, coa intención de influír positivamente no ánimo do Presidente da Xunta á hora de permitir a consolidación na ría en Pontevedra a pesar de que llo impide a propia lexislación.

Prado afirmou que todo demostra que o Partido popular “non ten intención algunha de sacar a Ence da ría  e devolver os terreos usurpados á Ría de Pontevedra”. Dende o BNG "esiximos mudar a redacción do Plan de Ordenación do Litoral para que a permanencia máxima de Ence remate a 31 de xullo do ano 2018”.

O PP non escoita as demandas da cidadanía e rexeita modificar o Plan de Ordenación do litoral

Pedimos a modificación, dixo, en atención ao interese público e en resposta ás demandas da cidadanía de Pontevedra e Galiza, reclamando, a través do Parlamento galego, instar á Xunta a inmediata redacción, tramitación e aprobación dunha modificación da disposición adicional terceira do Plan de ordenación do litoral co fin de  establecer a data límite 2018 para o traslado de ENCE tras trinta anos de concesión.

Neste sentido preguntou se o Partido popular “quere ou non quere que Ence abandone a ría no ano 2018” polo que solicitou o voto favorable á iniciativa nacionalista. Na votación, o PP impediu que prosperara a Proposición non de lei do BNG.

A nacionalista, cualificou de “penoso” ter que reclamar no Parlamento que o Goberno galego “exerza as súas competencias”, máis ben parece, dixo, que “temos un goberno de ocupación” que despreza as competencias recollidas no propio Estatuto de Autonomía e as sentenzas do Tribunal Constitucional nesta liña.

A deputada do BNG  concluíu criticando que o Partido popular defenda os intereses das grandes empresas “por riba dos intereses de Galiza”.

O PP renuncia a exercer as súas competencias para impedir a consolidación de Ence na ría