O BNG esixirá no Parlamento que a Xunta impida a consolidación de Ence na ría

O BNG esixirá no Parlamento que a Xunta impida a consolidación de Ence na ría

Pontevedra, 11 de xuño de 2013. Mañá, mércores, debaterase no Parlamento Galego a Proposición Non de Lei presentada polas deputadas do BNG Montse Prado e Ana Pontón para que a Xunta de Galiza non se lave as mans e exerza as súas competencias exclusivas na ordenación do litoral para impedir que o complexo contaminante ENCE-ELNOSA poida continuar en Lourizán, amparándose na nova Lei de Costas do Estado, maís alá de xullo de 2018, data en que caduca a súa concesión.

Na iniciativa, as deputadas nacionalistas urxen á Xunta á inmediata redacción, tramitación e aprobación da segunte modificación da Disposición Adicional 3º do POL, de xeito que quede meridianamente claro que ENCE ten que abandonar a súa ubicación: “En coordinación co establecido nas DOT, no espazo actualmente ocupado polas instalacións da empresa Ence situadas en Lourizán, na ría de Pontevedra, prevese un ámbito de recualificación sobre a Área de Mellora Ambiental e Paisaxística. O obxecto desta área é o da recuperación do espazo que deberá quedar, en todo caso, vacante nun prazo máximo que remata no mes de xullo do ano 2018

Até o de agora todas as accións de goberno do PP apostan pola consolidación de ENCE

No debate comprobarase se o PP está disposto a recuperar a ría de Pontevedra ou continúa a apostar pola permanencia da pasteira na ría, tal e como se desprende das declaracións efectuadas nos últimos tempos por destacados dirixentes do PP, entre eles o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, Alfonso Rueda ou Rafael Louzán.

O BNG xa denunciou en numerosas ocasións que, máis alá da retórica das palabras, todas as accións de goberno do Partido Popular a respeito de ENCE foron destinadas á consolidación da pasteira na súa actual ubicación.

A modificación da Lei de Costas só é a última das decisións, que permite unha privatización encuberta do dominio público 75 anos máis en beneficio dunha empresa privada, contaminante, que impide o crecemento económico e social da comarca e que conta co rexeitamento da maioría social da cidadanía.

Membros do Goberno Municipal de Pontevedra asistirán á Tribuna de convidados

No proceso de debate asistirán como convidados distintos membros do BNG en Pontevedra, entre eles o Responsábel Local do BNG e Portavoz do Goberno Municipal de Pontevedra, Raimundo González Carballo e a Responsábel Comarcal do BNG e concelleira, Anxos Riveiro.